O que non se escoita

O QUE NON SE ESCOITA | Sorex

Martes, 10 de agosto, 2021 | 20:45 | Auditorio de Galicia | ENTRADAS

Os quirópteros constitúen o grupo de mamíferos máis numeroso despois dos roedores.

Malia isto, resulta ser un dos grupos menos coñecidos, e probablemente os seus hábitos nocturnos, rodeáronos de misticismo ao longo da historia. Trátase do grupo de mamíferos mais ameazado e sensible aos cambios. A maioría das especies poden orientarse a través do son, na escuridade…

“Sorex, Ecoloxía e Medio Ambiente” está constituída por biólogos que se dedican dende hai tempo á xestión ambiental. Xeralmente os nosos estudos lévannos a tratar coa xente das aldeas, cos veciños de certa idade que coñecen o campo e a Natureza, a fauna, as súas tobeiras e os seus rastros. E atopamos tamén que atesouran un gran acervo de lendas e mitos que envolven aos animais e o seu entorno. Non obstante, nas seguintes xeracións parece existir unha desvinculación co medio natural e, en xeral, unha perda dos coñecementos ecolóxicos locais.

Por este motivo, vemos a necesidade de desenvolver unha serie de actividades de educación ambiental, destinadas a achegar o mundo natural á xente da rúa, e principalmente a rapaces de distintas idades.

O obxectivo principal das mesmas é achegar o público en xeral a uns grupos faunísticos bastante descoñecidos e que, polo xeral, están rodeados de lendas e crenzas populares que lles dan mala fama. Así mesmo, unha pequena aproximación ás técnicas de estudo destes grupos, con exemplos de traballos feitos en Galicia, axudarán a achegar a ciencia aos cidadáns, mostrando que o que sae nos documentais tamén se desenvolve no seu entorno.

Comezarase cunha breve introdución sobre os morcegos e a súa bioloxía, así como as distintas metodoloxías de traballo empregadas polos científicos para estudar a estas especies.

Logo, realizarase un percorrido nocturno polos parques e zonas verdes da cidade, empregando detectores de ultrasóns para poder escoitar os morcegos que conviven connosco.

A actividade terá unha duración de 3 horas.

É preciso levar lanternas, roupa cómoda e de abrigo.

www.morcegosdegalicia.org

* ACCIONS SONORAS COLECTIVAS E ESCOITAS DISPERSAS *
Scroll Up