Info

“O colapso non é o final, senón o principio dun novo futuro. Reinventaremos as formas de festexar, de estar presentes no mundo e con nós mesmas, con outras persoas e cos demais seres que nos rodean”  P. Servigne e R. Stevens

Partindo da escoita como unha experiencia colectiva, COLAPSOLOXÍAS quere ser un espazo aberto ao intercambio e á experimentación, centrado no son e nas súas múltiples potencialidades e interseccións.

Procurando novas formas de relacionármonos co noso contorno máis inmediato, a cidade de Santiago de Compostela e a súa paisaxe sonora, buscamos tecer unha rede de intercambio con diferentes proxectos e artistas que entenden a música e a creación dende unha perspectiva crítica afín ás dinámicas de traballo de Colapso Colectivo.

Queremos abrazar o colapso como a posibilidade de pensar outros xeitos de relacionarnos, de compartir, de aprender e de celebrar a través do son e da escoita, propoñendo laboratorios de creación abertos (Co/Labs), obradoiros, paseos sonoros, presentacións e concertos.

Colapso Colectivo

Colapso Colectivo é un punto de encontro para persoas artistas e afeccionadas á arte sonora e visual.

O noso obxectivo é dar visibilidade a propostas pouco convencionais, apoiando a realización e presentación de proxectos artísticos arriscados, facilitando o diálogo entre creadores e espazos e incidindo na importancia do seu rol nos procesos de transformación social.

Se ben partimos dun especial interese polo fenómeno sonoro, esta vontade expándese cara outros ámbitos procurando o intercambio fluído de coñecementos, mediante a programación de diferentes actividades culturais, lúdicas e pedagóxicas e atendendo especialmente ás prácticas máis experimentais.

Colapso carece dun lugar físico específico. Traballamos para celebrar a arte, xa que expresa os desexos e as loitas das comunidades no transcurso das súas vidas, partindo de como escoitamos e se nos escoita, como ollamos e se nos ve na éxtase íntima e plural do cante e o baile.

Isto sucede onde queira que esteamos despregándose constantemente no reino do común.

* ACCIONS SONORAS COLECTIVAS E ESCOITAS DISPERSAS *
Scroll Up