Luns 9 – xoves 12 de agosto | 2021 | Sala de Exposicións | Auditorio de Galicia | ENTRADAS
Neste laboratorio en formato obradoiro achegarémonos ao mundo do sound system e á cultura Dub da man do colectivo Dub Mono Hifi, partindo da súa experiencia adquirida no proceso de creación do seu propio sistema e partindo das técnicas de construción, procesado e difusión do son específicas doDub para experimentar coas posibilidades ofrecidas para outras estéticas musicais.
Dub Mono HIFI xorde como proxecto autoxestionado en Santiago de Compostela, no que conflúen diferentes músicos e técnicos de son con experiencia en estilos ben diversos. A paixón polos baixos potentes e a escena underground das soundsystems de UK así como os novos sons do Eurostepper francés levan a este colectivo a emprender a construción do seu propio sistema de son en 2018, co que poder impulsar a escena local. Un equipo con caixas de madeira artesanais, 5 vías e máis de 5000w de potencia.
Dende o 2016 o colectivo vén lanzando música tanto no seu propio selo como en Universal Echo Records, con colaboracións con artistas nacionais e internacionais da escena, así como remixes doutras artistas do país como as Tanxugueiras ou Sés.
Son responsables e promotores de festas como as Underdub nas que os sons envolventes dos seus subgraves propician un espazo de conexión e entendemento baseado no respecto e a cultura.
En Abril de 2019, en colaboración co IES Xelmírez I de Santiago de Compostela o colectivo emprende un dos seus primeiros obradoiros nos que pretende achegar a cultura soundsystem ao público nunha mostra que xira en torno á construción dun equipo de son propio, baseándose esta experiencia na análise dos diferentes planos, explicación de conexións e vías e a práctica de live dub mix en directo.