Xoves, 5 de agosto, 2021 | 19:30 | Sala de Exposicións | Auditorio de Galicia | ENTRADAS
Chago -álter ego do artista compostelán Iago Pedreira- é un axitador contra-cultural en continua procura de novos estímulos. O seu inconformismo levouno a explorar as marxes máis recónditas da música apostando por sons difíciles de categorizar, fuxindo de clixés e exhibindo con coherencia unha actitude de rexeitamento do preestablecido. En colaboración co artista Pablo Barreiro para Colapsoloxías, utiliza elementos etéreos que dan forma a unha colaxe de texturas polimórficas derivadas das súas pezas cerámicas propiciando no público novas lecturas e percepcións enriquecidas.
Pablo Barreiro é un creador que parte do traballo escultórico realizado en cerámica, manipulando formas do pasado para darlles un novo significado. Mediante a creación de composicións a modo de colaxe de elementos seriados, emprende unha procura de reinterpretación dos procesos de fabricación e formas en desuso de certas pezas estruturais, obxectos funcionais ou decorativos cotiáns que toma como modelo. O seu interese por explorar o proceso a través dos materiais lévao en moitas ocasións a atopar no erro un achado en si mesmo, un punto de partida sobre o que experimentar e conceptualizar novos traballos nos que este se incorpora como unha parte fundamental da obra.