Aves da paisaxe sonora urbana

AVES DA PAISAXE SONORA URBANA | Nacho Munilla

Martes, 6 de xullo, 2021 | 20:00 | Praza de Cervantes | ENTRADAS

Dende hai algúns –poucos– anos sábese que as aves axustan o seu cantar á paisaxe sonora na que viven. As cancións dos paxaros da cidade son diferentes ás dos paxaros de medios nos que aínda é posible escoitar o silencio. Comprobouse tamén que os paxaros gardaban memoria das cancións de cando os motores alimentados por combustibles fósiles aínda non invadiran as cidades: foi cesar o tráfico e xa os paxaros volvían cantar como cantaban os avós dos avós dos seus avós.

Do que estes e outros achados semellantes dan fe é da incontestable determinación das aves por facerse escoitar, sexan cales sexan as condicións sonoras que lles impoñamos. Isto é importante. Se as aves tivesen renunciado a cantar, se non tivesen atopado medios de que a súa mensaxe sobresaíse do xordo e abafante rumor de fondo entón a paisaxe sonora da cidade ficaría deserta.

Nesta actividade de escoita intentaremos peneirar do son urbano as cancións e as mensaxes das aves e coñeceremos a identidade das especies que están a contribuír á paisaxe sonora urbana compostelá. Tamén participaremos nun pequeno experimento sonoro co que imaxinar como é que podería ser unha cidade verdadeiramente habitada por aves.

Nacho Munilla (Ourense 1963) é doutor en bioloxía especializado na ecoloxía e conservación de especies e hábitats e leva algo máis de catro décadas sendo consciente a todas horas das aves que andan polo seu redor. Detrás ou a carón delas ten viaxado a lugares improbables cubertos de selvas, bosques, uces, pasteiros, prados, xunqueiras, auga, pedra ou xeo. E mais ten subido montañas, desembarcado en illas desertas e navegado polo mar aberto. Ao longo da súa vida profesional ten traballado na investigación, na docencia e na consultoría ecolóxica por conta propia que é unha das súas ocupacións na actualidade. Máis detalles sobre a súa traxectoria pódense atopar en MunillaBiodiversidade. Tamén escribe e publica libros definitivos.

Entre 2013 e 2017 desenvolveu un experimento sonoro consistente na reprodución automática de chamadas de pardela cincenta dende puntos situados en cantís remotos. Cando necesita de gravacións de aves sempre recorre a xenocanto, o maior repositorio de cantos, chíos e chamadas de aves do mundo.

munillabiodiversidade.com

www.xeno-canto.org

* ACCIONS SONORAS COLECTIVAS E ESCOITAS DISPERSAS *
Scroll Up