Luns, 5 de xullo – xoves, 8 de xullo, 2021 | Sala de Exposicións | Auditorio de Galicia | ENTRADAS
O proxecto VOLTA é un laboratorio de creación de instrumentos electrónicos autosuficientes alimentados pola propia interacción e a enerxía producida polo esforzo de quen os interpreta. Utilizando o movemento circular dunha manivela como elemento principal, os instrumentos de Volta están concibidos como unha pequena orquestra de mini sintetizadores con diferentes tímbricas e personalidades alimentados por unha acción mecánica.
Colapsoloxías acolle o nacemento desta proposta de luthería contemporánea que se desenvolverá nun laboratorio aberto a todas as persoas interesadas en axudar, trebellar e aprender algo mais sobre esta proposta durante esta primeira fase de prototipado.
Mateo Mena é músico e construtor de instrumentos electrónicos. Formado en composición, enxeñaría electrónica e construción artesanal de instrumentos musicais, desenvolveu deseños no campo da electrónica analóxica creando esculturas sonoras, novos instrumentos musicais, dispositivos sonoros con tecnoloxías obsoletas e incluso insectos eléctricos. Forma parte activa do colectivo independente galego “Metamovida”, colaborando regularmente co grupo de música contemporánea “Vertixe sonora”. Participou en festivais como “BZZZ International Sound Art Festival” (Suecia), No Noise (Portugal), Maker Faire Berlin, WOS Festival, Curtocircuíto ou Festival TESLA, entre outros.
Xiselr é un proxecto musical do artista de son Xoán-Xil López que se inspira en sons de bordóns baseados no imaxinario de instrumentos de manivela levados ao campo da música electrónica contemporánea. A obra de Xoán-Xil xira en torno á práctica fonográfica (gravación de campo) e á experimentación tomando a forma de instalacións, situacións de escoita inmersiva, composicións, performances e textos. Impartiu obradoiros, seminarios e conferencias en universidades como o o Art|Sci de UCLA, CRESSON, ou no Instituto Europeo dei Design (IED) e o seu traballo foi presentado en espazos como o ZKM, KUMU, La Casa Encendida, Medialab Prado, LABoral ou Museo de arte Reina Sofía (MNCARS), entre outros e recentemente recibíu unha mención honorífica nos Prix Ars Electronica.
Perfil de colaboradorxs: persoas con coñecementos de electrónica, deseño de obxectos, traballo de madeira, coñecemento de mecánica capaces de desenvolverse nun ambiente de traballo colaborativo. Tamén está invitado quen queira achegarse a saber máis do proxecto, previa cita, ou á presentación final.