Venres, 2 de xullo, 2021 | 20:30 | Sala Mozart | Auditorio de Galicia | ENTRADAS
Ubaldo é un artista catalán multidisciplinar con sede nalgunha paraxe perdida da Comunitat Valenciana. No seu universo vémonos rodeados por sons experimentais fráxiles e introspectivos.
Describiron a súa música como unha harmonía de murmurios melancólicos, o ritmo imperceptible da auga, voces que se deixan entrever a través de guitarras escorregadizas e drons luminosos.
O proxecto creceu no underground peninsular, pero sempre con base na escena das artes visuais da cidade de Barcelona. Nese ambiente empezou a experimentar con diferentes pseudónimos; electrónica agresiva e directo performativo con Odd Labu, nowave e punk dadaísta como Bimbo Picasso ou o son lo-fi lúgubre de Senàni Masé.
En 2020 saíu o seu terceiro disco “CASA”, vía Urpa i Musell (selo barcelonés que leva a xente de Discos Paradiso) cun enfoque máis meditativo, camiñando cara a terreos máis ambient e cun carácter máis atmosférico, grazas á incursión do saxofón e o ventos.
Desde que o proxecto empezou en 2014, colaborou con xente como o trompetista neoiorquino Mark Cunningham (MARS) o produtor barcelonés Mans O, os hiperactivos Za!, o escritor belga Darius Bogdanowicz, a compañía valenciana o Conde de Torrefiel ou co compositor inglés Kiran Leonard, co que comparte o catártico dúo Or Sobre Blau.
Durante estes anos tocou por toda Europa en salas, galerías ou radios como Primavera Club, DUBLAB, Mira Festival, Palacio da Prensa, Meakusma, Red Light Radio, Blue Project Foundation, Liceo Mutante, Sala Apolo, WORM, CCCB, Soup Kitchen, Arts Santa Monica, NTS Radio, Listen Festival, Lounge, Moth Club ou Les Ateliers Claus, entre outros.